HydrAula
O proxecto HydrAula nace da preocupación dun grupo de profesores do IES Daviña Rey polo coidado dos recursos naturais e en especial dos relacionados coa auga, debido á seca que estamos a vivir. O noso instituto está situado nun fermoso enclave natural, a Ribeira Sacra, que abrangue as ribeiras dos ríos Cabe, Miño e Sil. A economía da zona está vinculada a estes ríos dende a época dos romanos mediante o aproveitamento agrícola, na maior parte viñedos, forestal e gandeiro. Dende hai un tempo cobra importancia o turismo, que busca gozar dun paraxe único, con numerosos monumentos naturais e arquitectónicos ademais dunha excelente gastronomía.
A misión de HydrAula é analizar e reflexionar dende un contexto educativo interdisciplinar a situación actual dos recursos de auga. Profesorado de distintas materias, introduciremos actividades curriculares que conteñan situacións relacionadas cos ecosistemas fluviais, poñendo en valor o que estes supoñen para a subsistencia.
A nosa contribución consistirá en investigar e publicar as principais características destes ríos e ribeiras: topografía, caudal, fauna e flora, afluentes, saltos e fervenzas, e aproveitamentos; analizaremos o estado no que se atopan na actualidade e buscaremos formas de preservalos.
Aproveitando a oportunidade que nos brindan ADEGA, Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, de formar parte do programa "Proxecto Ríos" dentro do Plan Proxecta, usaremos os recursos e actividades que ofrezan para esta iniciativa, involucrándonos na conservación dos ecosistemas fluviais. Así mesmo, compararemos os resultados obtidos cos doutras zonas, para obter unha visión de conxunto.
Como resultados do proxecto presentaremos neste blog as actividades e materiais divulgativos; elaboraremos mapas de rutas fluviais similares aos publicados en proxectos anteriores, e crearemos ferramentas de medición para realizar coa impresora 3D.
Para facer un seguimento do traballo desenvolvido empregaremos unha liña de tempo compartida que servirá de guía para o noso equipo e para outros centros educativos que queiran embarcarse nun proxecto similar.
Comezamos ...
Para facer un seguimento do traballo desenvolvido empregaremos unha liña de tempo compartida que servirá de guía para o noso equipo e para outros centros educativos que queiran embarcarse nun proxecto similar.
Comezamos ...