O regadío do Val de Lemos
O día 18 de maio tivemos a sorte de contar no noso centro coa presidenta do regadío do Val de Lemos Alicia Toirán. O motivo da visita xa foi comentado noutra entrada deste blog, coñecer de primeira man cal é a historia do regadío, tamén o seu presente e o seu futuro.
Na foto, Alicia, as profesoras de lingua galega e castelá e o alumnado de 1º e 2º de ESO |
As preguntas que o noso alumnado fixo á presidenta están recollidas nun padlet e foron consensuadas polos grupos de 1º e 2º de ESO nos días previos a este acto. Este é un resumo das respostas elaborado por un dos grupos asistentes.
Entrevista a Alicia Toirán
1- Canto tempo tardastes en formar o regadío?
O embalse de Vilasouto inaugúrase no 1969, posteriormente rematouse de construír toda a obra hidráulica e comezou a funcionar no ano 1975.
Entreporta de saída en Ribas Altas |
2- Como evolucionou o regadío estes anos?
O regadío estes anos evolucionou bastante ben.
3- Cal é o mellor momento do día para regar?
O mellor momento do día para regar é cando baixe a calor forte de mediodía, xa que a evaporación da auga é menor e a auga queda mellor na terra.
4- Cal foi o problema máis grande que tivestes?
O problema máis grande que tivemos e que seguimos tendo é que nesta zona non hai cultura de regadío. A cultura de regadío dáse moito nas zonas secas, esas zonas teñen regadío desde tempos pasados e cóidano moito, xa que saben que as terras non producen nada sen auga.
5-Se puidese cambiar o prezo do regadío, a que prezo o poñería?
É unha obra carísima para o uso que se lle da, porque o seu uso é agrícola e a agricultura ten que ser algo barato e que se subministre á poboación. Dunha cifra que nos permitía manter unha explotación, pasamos a outra cifra que non eramos capaces de pagar ca nosa economía de labregos, a partir de aí organizamos varias protestas e chegamos a un punto morto, onde seguimos sen ser capaces de pagar a cantidade que se debe pagar.
Prezos actuais |
6- Quen leva o mantemento do canle do regadío?
O mantemento do regadío témolo que levar nós.
7- Por que fixestes o regadío nunha zona na que chove bastante?
O regadío é moi antigo, é do século pasado e foi feito polo goberno da época. Dende aquela se acondicionaron tramos novos, pero outros están deteriorados. De todos modos nesta zona si hai risco de sequía, nas épocas de choiva acumúlase a auga e cando é verán o regadío suple a falta de auga.
8- De onde ven a auga do regadío de Monforte?
A partir do embalse de Vilasouto e ten que subministrarlle ao río o que chamamos caudal ecolóxico. Desde o embalse deixamos unha parte da auga ir polo río e a nosa vertémola a un primeiro canle, chamado canle alto; ese canle ten 25 km ata Ribas Altas, alí hai unha pequena empresa que é onde se colle a auga potable para Monforte e de onde verte o canle alto e o río Mao. Desde alí saen dous canles, un pola marxe dereita de Monforte e outro que vai pola marxe esquerda doutros 25 km cada un aproximadamente. O canle dereito vai ata a parroquia de Mañente en Pantón e despois verte de novo no río e o da marxe esquerda vai ata Sober e tamén verte no río.
Comentarios
Publicar un comentario